Friday 17 de May de 2024

Fene aproba un orzamento de 12.185.600 euros


O Pleno municipal de Fene reuniuse este venres en sesión extraordinaria para debater e votar a proposta de Orzamento xeral para 2022. O Grupo de goberno presentou unha documento que se move en cifras lixeiramente superiores ás do ano pasado, marcando así un novo máximo histórico na correlación de ingresos e gastos previstos, que ascenden en ambos apartados a 12.185.600 euros. Cartos cos que, segundo defendeu o Executivo local, se pretenden garantir “servizos públicos eficaces e eficientes”, a execución de infraestruturas básicas, reactivar a economía e o emprego e reforzar toda a área de benestar e protección social, ademais de seguir apoiando o tecido comercial e asociativo do municipio. Na memoria orzamentaria destácase o incremento da financiación proveniente do Estado, ao tempo que se sinala a conxelación, un ano máis, da taxas e impostos municipais.

O Executivo local repasou os principais apartados dunhas contas moi parellas nas cifras xerais ás de 2021, pero que poderían incrementarse máis adiante coa incorporación de novos importes achegados por outras Administracións por medio de transferencias ou programas de colaboración cuxo importe se descoñecía no momento de preparar o documento orzamentario.

Dentro da “prudencia” coa que se deseñaron as contas, agárdanse maiores ingresos en concepto de Participación de tributos do Estado (un 13% máis) e que tamén se faga efectiva a compensación do IVE non percibido en 2017, que serán algo máis de 70.000 euros no caso de Fene.

No apartado de ingresos tamén se avanza a previsión dun aumento da recadación por novas altas no IBI urbano e a través do Imposto de Construcións e Obras, neste último caso polos proxectos que pretende acometer Navantia no chan do estaleiro fenés. A xuízo do Goberno local, estes incrementos contribuirán a minorar o descenso de ingresos que se agarda en concepto de plusvalías, despois de que unha sentenza do Tribunal Constitucional obrigase a mudar o método de cálculo do imposto en todo o Estado.

En resume, por operacións correntes -impostos directos e indirectos, taxas, transferencias correntes e ingresos patrimoniais- Fene conta xestionar preto de 11.7 millóns de euros, aos que cómpre engadirlles outros 286.800 dunha parte do POS provincial e 150.000 máis en concepto de pasivos financeiros para mercar terreos no centro urbano que permitan poñer en marcha novos servizos públicos.

Os 12.185.600 euros de ingresos previstos deben cadrar ao céntimo cos capítulos de gasto e investimento público. A persoal destinaranse 4,9 millóns de euros e o mantemento de servizos e gastos en bens correntes -unha parte importante dedicada a consumos enerxéticos- ascenderá a 5,9 millóns, nun contexto de progresiva escalada dos prezos de electricidade e combustibles.

A investimentos reais -novos proxectos de obras- dedicaranse cerca de 680.000 euros, susceptibles de aumentar ao longo do exercicio cos plans adicionais que publicará a Deputación da Coruña. De feito, no apartado de investimento xa van incluídas as partidas confirmadas do POS+ provincial para melloras viarias e saneamentos, pero tamén o reforzo do equipamento para a Policía Local e Protección Civil, o incremento das dotacións no cemiterio municipal, a renovación da cuberta do pavillón de San Valentín ou a xa mencionada merca de terreos na zona urbana.

Reforzo do gasto social
A memoria da Alcaldía na que se expoñen as liñas mestras do proxecto orzamentario 2022 incide nas “políticas de apoio directo a Pemes e autónomos”, na “dinamización da actividade comercial, hostaleira e de servizos” e no apoio ao Benestar social, cun “importante incremento na prestación do SAF” e tamén mediante o apoio a distintos colectivos que colaboran co Concello tanto no ámbito asistencial como no cultural, educativo, deportivo ou da seguridade.

Así, as entidades que organizan distintos eventos de interese municipal ao longo do ano asinarán convenios por valor 41.300 euros. As dúas ANPAS que xestionan os comedores en Centieiras e os Casais accederán en conxunto a 5.500 euros de financiamento, a asociación comercial O Cruceiro obterá unha achega nominativa de 10.000 euros e outros case 30.000 resérvanse para entidades relacionadas directamente co benestar, como son Dignidad e FAG -que colaboran no programa de alimentos-, ASPANEPS, a ASCM -programa de asistencia telefónica-, Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e a Agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil.

Cómpre mencionar, por último, que neste apartado -o de transferencias correntes- tamén se inclúen as liñas de axudas que se lles outorgarán en concorrencia competitiva ás entidades do municipio, as reservas para emerxencia social, a contribución á Mancomunidade e, sobre todo, o pagamento á Xunta de Galicia en concepto de escolas infantís e sostemento do Transporte metropolitano.

O Orzamento municipal de Fene foi aprobado só cos votos favorables dos 10 membros do Grupo de Goberno, mentres que o PP votou en contra. Unha vez superado o trámite plenario, o proxecto das contas deberá estar exposto ao público durante un prazo de 15 días. De non haber alegacións entrará en vigor automaticamente.